Fins e Funcións
O Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo é unha corporación de dereito público, de carácter representativo da profesión, amparado pola Lei e recoñecido polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.
O ámbito territorial do Colexio é a provincia de Pontevedra.
Fins
O Colexio terá os fins propios dos órganos corporativos profesionais, e como finalidade última a tutela do correcto exercicio da profesión como garantía dos dereitos dos cidadáns. En particular:
- Velará para que se remova calquera obstáculo xurídico ou doutra índole que impida o exercicio polos peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama industrial das atribucións integradas na súa actividade profesional que legalmente teñen recoñecidas.
- Igualmente velará por que se recoñeza o carácter privativo da actuación profesional dos peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama industrial nas atribucións que legalmente teñen recoñecidas, promovendo, se for o caso, as actuacións administrativas ou xudiciais que no seu ámbito territorial correspondan contra a intrusión profesional.
- Tratará de lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, promovendo a súa formación continua e o seu perfeccionamento permanente.
- Promoverá o desenvolvemento profesional e a formación continuada do profesorado titulado en enxeñaría técnica industrial ou en grao da rama industrial, e colaborará coas institucións educativas para programar e realizar actividades de formación científica e técnica.
- Cooperará na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.
- Colaborará coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.
Funcións
Son funcións do Colexio:
- Ordenar e vixiar o exercicio da profesión, velando polo seu prestixio e ordenar no marco da súa competencia a actividade dos colexiados, velando pola ética e dignidade profesional destes así como conciliando os seus intereses co interese social e os dereitos dos cidadáns.
- Cumprir e facer cumprir aos colexiados as normas legais que afecten o exercicio profesional en todas as súas modalidades, así como exercer a potestade sancionadora sobre os colexiados na orde orgánica e deontolóxica.
- Representación e defensa dos dereitos e intereses da profesión ante os tribunais, administracións públicas e toda clase de institucións oficiais ou privadas, así como ante calquera persoa física ou xurídica, con lexitimación suficiente para ser parte de cantos procedementos e litixios afecten a profesión, así como para exercer o dereito de petición conforme a lei. Velará para que se remova calquera obstáculo xurídico ou doutra índole que impida o exercicio polos peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama industrial das atribucións integradas na súa actividade profesional que legalmente teñen recoñecidas.
- Perseguir ante os tribunais ou ante as administracións públicas os casos de intrusión en que se pretenda indebidamente exercer a profesión, o uso do título ou das atribucións profesionais do perito industrial, do enxeñeiro técnico industrial e dos titulados universitarios de grao nos campos do ensino técnico propios da enxeñaría industrial, as construcións e as instalacións industriais, así como adoptar as medidas necesarias para evitar a competencia desleal.
- Recoller e canalizar as aspiracións da profesión, elevando aos organismos oficiais competentes cantas suxestións garden relación coa prestación dos servizos propios daquela, procurando a adecuación da actividade profesional ás exixencias da sociedade.
- Informar e asesorar os colexiados sobre o ordenamento xurídico relativo ao exercicio da profesión.
- Organizar congresos, xornadas, reunións e outros actos de carácter científico ou técnico relacionados coa profesión, así como cursos para a formación e o perfeccionamento profesional dos colexiados.
- Organizar e promover actividades e servizos comúns de carácter cultural, recreativo ou calquera outro de interese para os colexiados.
- Manter un servizo de información para dar resposta ás demandas de traballo.
- Fomentar entre os colexiados os servizos de previsión, mutualidade e cooperativismo.
- Efectuar o visado dos proxectos, informes, ditames, valoracións, peritacións e demais traballos subscritos polos colexiados, cando así o soliciten por pedimento expreso dos seus clientes ou o impoñan as leis.
- Efectuar o rexistro documental daqueles traballos ou documentos técnicos subscritos polos colexiados, cando estes o soliciten.
- Encargarse do cobramento das remuneracións e honorarios devengados no exercicio libre da profesión cando o colexiado o solicite, nos termos previstos nestes estatutos.
- Resolver por laudo arbitral, por instancia das partes interesadas, as discrepancias xurdidas no cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.
- Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados e, en xeral, procurar a harmonía e colaboración entre estes.
- Realizar cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos prestados polos seus colexiados.
- Emitir informe nos procedementos administrativos ou xudiciais en que se discutan cuestións relacionadas cos honorarios profesionais.
- Mediar e velar pola ordenación e retribución dos colexiados que exerzan a súa profesión por conta allea, mantendo relación coas distintas organizacións de índole laboral.
- Facilitar aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos directamente, segundo proceda.
- Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais e asociacións, así como co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.
- Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas ou delegadas polas administracións públicas.
- Participar nos consellos, xuntas, comités ou calquera outro tipo de órgano consultivo ou representativo da Administración de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente.
- Asesorar as administracións públicas e colaborar con elas na realización de estudos e informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas coa enxeñaría industrial que lle poidan ser solicitadas ou que se acorde formular por propia iniciativa.
- Asesorar entidades de calquera natureza e particulares en materias da competencia do Colexio, e emitir os informes que se lle requiran.
- Emitir informe sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia, e do Estado se procedese, que afecten os profesionais que agrupen ou se refiran aos fins ou funcións a eles encomendados.
- Informar as autoridades competentes dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.
- Participar na elaboración dos plans de estudo de grao de enxeñaría da rama industrial e nos consellos sociais das universidades.
- Calquera outra actuación que redunde en beneficio dos intereses do Colexio, dos colexiados ou da enxeñaría técnica industrial.